Saltar navegación

A emigración

Dedicatoria á emigración

Outro aspecto moi importante da sociedade da época foi a emigración a América. Que cone­xión tivo a emigración galega coa obra de Rosalía? Lendo os seguintes textos da autora, descubrirémolo.

  1. Le a dedicatoria de Follas novas e expli­ca a importancia da comunidade de emi­grantes galegos para a obra de Rosalía de Castro.
  2. Investiga que relación ten o seu libro En las orillas del Sar coas publicacións dos emigrantes galegos en América.

ÓS SEÑORES DA XUNTA DIRECTIVA

E MÁIS  INDIVIDUOS  QUE  COMPOÑEN  A SOCIEDADE DE BENEFICENCIA DOS NATURALES DE GALICIA

NA HABANA

Un sentimento de gratitude faime hoxe dedicarlles este meu libro. O día en que os fillos de Galicia levaban a cabo na Habana un dos seus máis groriosos feitos (permítaseme chamarlle así, porque tal o creio); o día en que entre o aplauso de todos, fundouse en tan lexana rexión a Sociedade de Beneficencia dos Naturales de Galicia, houbo quen quixo santificalo ó seu modo volvendo prá a súa patria os ollos i o corazón, unindo naquela obra de patriotismo ó recordo dun libro que foi tamén o esaltado fruto de amor ó noso país.

O xuntar ós nomes dos fundadores da Sociedade, o da autora dos Cantares gallegos (cousa que lles agradecín por que me vía así unida á obra de carida­de máis grata ó meu corazón) xa sei que non foi máis que como unha espresión de amor pra a patria ausente, que eu cantara xa que non en bos versos, ó menos en versos afertunados. Seino ben; mais non por eso deixo de ter no que val aquel recordo, e de crerme obrigada a dar a esa Sociedade unha púbrica moestra do meu agradecemento, xa que púbrica foi tamén a proba de estimación que á su vez me deron naquel día os meus paisanos na Habana. Reciban pois a dedicatoria deste meu novo libro: trata das cousas da terra, e vai escrita na nosa lengoa.

Recíbana, non polo que val, sinón polo que signi­fica.

ROSALÍA CASTRO DE MURGUÍA

Sociedade de Beneficencia  dos Naturales de Galicia na Habana

Santiago 23 Febreiro 1880.

 

Unha visión crítica da emigración

Le este fragmento do prólogo da autora ao seu segundo libro en galego, Follas novas, e indica que aspectos da emigración destaca.

[...] Vin e sentín as súas penas como si fosen miñas, mais o que me conmoveu sempre, e polo tanto non podía deixar de ter un eco na miña poesía, foron as innumerables coitas das nosas mulleres: criaturas amantes para os seus i os es­traños, cheas de sentimento, tan esforzadas de corpo, como brandas de corazón e tamén tan desdichadas que se dixeran nadas solasmentes para rexer cantas fatigas poidan afrixir, á parte máis froxa e inxel da humanidade. No campo compartindo mitade por mitade cos seus homes as rudas faenas, na casa soportando valerosamente as ansias da maternidade, os traballos domésticos e as arideces da probeza. Soias o máis do tempo, tendo que traballar de sol a sol, e sin axuda pra mal manterse, pra manter os seus fillos, e qui­sais o pai valetudinario, parecen condenadas a non atoparen nunca reposo se non na tomba.

A emigrazón i o Rei arrebátanlles de contino, o amante, o irmán, o seu home, sostén da familia decote numerosa, e así, abandonadas, chorando ó seu des­amparo, pasan a amarga vida antre as incertidumbres da esperanza, a ne­grura da soidade i as angustias dunha perene miseria. I o máis desconsolador para elas é que os seus homes vanse indo todos, uns porque llos levan, i outros porque o exempro, as necesidades, ás veces unha cobiza, anque discul­pabre, cega, fannos fuxir do lar querido, daquela a quen amaron, da esposa xa nai, e dos numerosos fillos, tan pequeniños que inda n'acertan a adiviñar, os desdichados, a orfandade á que os condenan.[...]

As voces da emigración

Agrupamento:
Por parellas

Identifica as voces poéticas do poema "Pra Habana!" de Follas novas e determina que perspectiva ofrecen sobre a emigración.