Rosalía de Castro foi quen de desmontar a construción estereotipada negativa de Galicia, común na España da súa época, e ofrecer unha imaxe complexa e coherente que presenta Galicia como o conxunto de territorio, pobo, lingua, cultura e tradición histórica digno de respecto e admiración que se acabará convertendo no referente do galeguismo do século XIX e XX.
A idea de Galicia en Rosalía
Galicia en construción
Nestes exercicios imos seguir o proceso polo cal Rosalía vai construíndo a idea de Galicia a través de dous textos fundamentais de reflexión: os prólogos da autora aos seus libros de poemas en galego.
- Na escena 7 d´A rosa incandescente, Rosalía ultima o Prólogo de Cantares gallegos. Le ou escoita o fragmento do prólogo seleccionado e contesta:
- Que idea de Galicia quere transmitir?
[...] Cantos, bágoas, queixas, sospiros, seráns, romerías, paisaxes, devesas, pinares, soidades, ribeiras, costumes, todo aquelo, en fin, que polo súa forma e colorido é dino de ser cantado, todo o que tuvo un eco, unha voz, un runxido por leve que fose, con tal que chegase a conmoverme, todo esto me atrevín a cantar neste homilde libro pra desir unha vez siquera i anque sea torpemente, ós que sin razón nin conocemento algún nos despresan, que a nosa terra é dina de alabanzas, e que a nosa lingua non é aquela que bastardean e champurran torpemente nas máis ilustradísimas provincias cunha risa de mofa que, a desir verdade (por máis que ésta sea dura), demostra a iñorancia máis crasa i a máis imperdoable inxusticia que pode facer unha provincia a outra provincia irmán por probe que ésta sea. Mais he aquí que o máis triste nesta cuestión é a falsedade con que fóra de aquí pintan así ós fillos de Galicia como a Galicia mesma, a quen xeneralmente xuzgan o máis despreciable e feio de España, cando acaso sea o máis hermoso e dino de alabanza. [...]
Prólogo de Cantares gallegos
- Neste fragmento do prólogo de Follas novas a autora anuncia unha nova perspectiva no tratamento de Galicia con respecto ao prólogo de Cantares gallegos:
- Como expresa ese cambio de perspectiva?
- Cal é, polo tanto, a visión predominante sobre Galicia neste fragmento?
[...] Por outra parte, Galicia era nos Cantares o obxeto, a alma enteira, mentras que neste meu libro de hoxe, ás veces, tan soio a ocasión, anque sempre ó fondo do cuadro: que si non pode se non ca morte, despirse o esprito das envolturas, da carne, menos pode o poeta prescindir do medio en que vive, e da natureza que o rodea; ser alleo a seu tempo e deixar de reproducir, hastra sin pensalo, a eterna e laiada queixa que hoxe eisalan tódolos labios. Por eso iñoro o que haxa no meu libro dos propios pesares, ou dos alleos, anque ben podo telos todos por meus, pois os acostumados á desgracia, chegan a contar por súas as que afrixen ós demais. Tanto é así, que neste meu novo libro, preferín as composicións que puderan decirse personales, aquelas outras que, con máis ou menos acerto, espresan as tribulaciós dos que, uns tras outros, e de distintos modos, vin durante largo tempo sofrir ó meu arredore. E sófrese tanto nesta querida terra gallega! Libros enteiros poideran escribirse falando do eterno infortunio que afrixe os nosos aldeáns e mariñeiros, soia e verdadeira xente do traballo no noso país. Vin e sentín as súas penas como si fosen miñas, mais o que me conmoveu sempre, e polo tanto non podía deixar de ter un eco na miña poesía, foron as innumerables coitas das nosas mulleres: criaturas amantes para os seus i os estraños, cheas de sentimento, tan esforzadas de corpo, como brandas de corazón e tamén tan desdichadas que se dixeran nadas solasmentes para rexer cantas fatigas poidan afrixir, á parte máis froxa e inxel da humanidade. [...]
Prólogo de Follas novas.
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Sen obra derivada 3.0