Saltar navegación

Limiar

LIMIAR

Esta proposta didáctica pretende achegar a figura e a obra de Rosalía de Castro da man d´A rosa incandescente e dunha selección de textos en prosa e en verso da autora.

É unha mostra de como a literatura e as artes audiovisuais poden entrar nun diálogo arrequecedor e necesario, útil para a divulgación de coñecementos culturais e de experiencias artísticas.

As propostas de actividades e tarefas van agrupadas arredor de seis eixos temáticos que consideramos fundamentais na obra rosaliana. Con eles, quérese contribuír á reflexión sobre os valores cívicos e éticos presentes na obra da autora, así coma á análise do contexto histórico e social en que foi creada.

Cada unha das partes leva unha breve introdución á que segue unha variada proposta de exercicios e actividades en diferentes formatos: coméntanse escenas da curtametraxe; relaciónase a linguaxe literaria e a linguaxe audiovisual; propóñense actividades de busca, reelaboración de información; encárgase a produción de novos textos a imitación dos da autora; e analízanse os seus textos poéticos e ensaísticos.

Os textos de Rosalía de Castro reproducidos seguen versións adaptadas á lingua estándar actual, para facilitar a lectura; mais no caso daquelas actividades nas que se estuda precisamente as variantes lingüísticas da lingua de Rosalía, escóllense edicións que reproducen máis fielmente a orixinal da autora. 

Agardamos ter conseguido facer un material que sexa útil e motivador.